Cacheos con ondas milimétricas

2 Abril 2014
TeraScreen

Está sendo desenrolado un novo escáner chamado TeraScreen por un consorcio que lidera a compañía española Alfa Imaging coa intención de axilizar os controis case á metade de tempo que os actuais, reducir as falsas alarmas en aeroportos e demais lugares nos que se esixe unha certa seguridade.

O proxecto consiste nun sistema de ondas milimétricas que detecta a radiación emitida polos corpos e as transforma nun sinal eléctrico. Polo tanto, se a persoa leva algún obxecto pegado ao corpo, non emite radiación polo que sería detectada pola cámara. Ademais diso o sistema tamén recoñece o tipo de obxecto diferenciando entre metais, material líquido ou material en po informando ao vixiante mediante un código de cores. Todo isto mentres a persoa escaneada anda por un corredor, no que está colocado o escáner, polo que este proceso realízase case ao dobre de velocidade que os usados actualmente. Ademais as imaxes que o sistema detecta non mostran detalles anatómicos e non se almacenan, gardando así a privacidade das persoas.

O bo deste proceso é que usa ondas milimétricas e estas, a diferenza dos raios X, non son radioactivas como noutros escáneres. Este tipo de tecnoloxía xa se usa noutros medios como os helicópteros para aterrar en malas condicións dende os anos 70.

Este proxecto comezou en 2013 e concluirá en 2016 cunha demostración no aeroporto de Bristol (Reino Unido). Xa puxeron en marcha na base da OTAN de Afganistán un sistema para a detección de explosivos. Nun futuro non moi lonxano quéreno instalar en recintos multitudinarios como estadios de fútbol, estacións de autobuses ou salas de concertos onde tamén é importante a seguridade.

TeraScreen1