Bobolboretas carnívoras

2 Marzo 2015
Miletinae

Os lepidópteros, coñecidos comunmente como bolboretas, son unha das catro ordes máis diversas de insectos, e aliméntanse maioritariamente de plantas. Pero unha parte delas, unhas 140 especies que pertencen á subfamilia Miletinae, é unha excepción. Estas bolboretas denomínanse como afitófagas (que se nutren a partir de seres vivos que non son plantas). Algunhas son depredadoras que se nutren doutros animais, principalmente de insectos. Outras son parásitas, aprovéitanse do hóspede sen chegar a matalo, e algunhas incluso poden comer detritus, liques ou néctar extrafloral.

Un novo traballo internacional estudou a evolución, as interaccións das eirugas carnívoras destas bolboretas coas formigas (hóspedes) e os insectos como pulgóns (presas), e como estas bolboretas cambiaron tan drasticamente de dieta.

No  transcurso da evolución dos lepidópteros foron poucas as liñaxes de afitófagos que persistiron e se diversificaron. Pero a subfamilia Miletinae é unha excepción e converteuse na rama máis grande de bolboretas afitófagas, con preto de 140 especies. Os investigadores deste estudo apuntaron que as larvas da maioría dos membros dos Miletinae son depredadoras de insectos, aos que acceden parasitando as formigas que os cultivan. Este exemplo describe un caso máis do complexas que poden ser as redes de interaccións entre especies que desenvolveron algúns insectos.