Bilingüismo como actividade mental
Novos estudos demostran que as persoas bilingües entrenan a mente, teñen máis capacidade de concentración e poden retrasar o Alzhéimer e as demencias.
Ser bilingüe é unha vantaxe, o cerebro está mellor equipado e é máis áxil. Así o demostran moreas de estudos nos últimos anos, o último deles, o da investigadora Viorica Marian, da Universidade de Northwestern, en EUA.
As súas conclusións demostran que ser bilingüe é como facer exercicio cerebral. Por exemplo, unha persoa que fala castelán e galego fai unha ximnasia mental involuntaria que axuda ao seu cerebro no presente e podería atrasar o Alzhéimer ou a demencia no futuro.
Marian usou no seu experimento estudantes de 18 a 27 anos. 17 deles eran bilingües entre español e inglés, mentres que outros 18 só falaban inglés.
Fixéronse sesións durante tres anos cos alumnos e descubriron que nos bilingües había máis actividade e máis capacidade de abstracción, os que falan dous idiomas concéntranse mellor, mesmo en situacións difíciles. “Os nenos bilingües ignoran máis doadamente o ruído de clase”, explica Viorica Marian, tamén engadiu que poden aprender outra lingua máis doadamente.
Outra investigación é do Instituto de Aprendizaxe e Ciencias do Cerebro da Universidade de Washington, que estudou os nenos que estudan en dúas linguas ao mesmo tempo. E concluíron que o cerebro dun bilingüe “é moito máis flexible, afronta situacións máis complexas polo que busca mellor as solucións e acaba resultando moito máis áxil”. Esta investigación serviu para tranquilizar á sociedade de que un alumno que medra entre dous idiomas non prexudica a lingua materna e a aprendizaxe doutras materias”.
No último informe PISA, da OCDE, sobre alumnado europeo de 15 anos, a media española en comprensión lectora estaba en 461 puntos. En Galicia, coa metade de materias en galego, está por enriba: 479 puntos. E no País Vasco, en 487, éuscaro de por medio. No planeta, as persoas bilingües son maioría: o 60% da poboación mundial.
Nos EUA, Judith Kroll, da Universidade de Pennsylvania (EUA), investigou tamén o asunto e conclúe que as vantaxes dos bilingües non significan que sexan máis intelixentes. Pero si son persoas ‘multitarefa’, capaces de procesar varias actividades ao mesmo tempo e desprezar rapidamente a información irrelevante.
Aos dous recentes estudos en EUA, hai que engadir outros tamén en España. Os profesores da Universidade de Granada, María Teresa Bajo e Pedro Macizo que explican: o blingüismo non só mellora a atención senón que tamén adestra a memoria destas persoas, coma se fose unha especie de ‘ximnasia mental’.
Así que ser bilingüe parece unha vantaxe. Polo menos, o cerebro exercítase. E, co tempo, cos anos, parece que dá resultados.