A auga na cultura galega: enerxía para traballar
A auga é unha fonte de enerxía sempre disposta para quen queira aproveitala.
A auga dos ríos e regatos foi utilizada desde moi antigo para mover distintos enxeños hidráulicos: muíños para moer os cereais; mazos para traballar o ferro nas ferrerías tradicionais; batáns para bater os tecidos saídos dos teares artesanais, e máis recentemente, serras e máquinas textís, entre outras aplicacións. Igual que para as regas a auga derivábase dos río mediante caneiros, presas e canles.
Na actualidade úsase sobre todo para mover xeradores eléctricos.
Nos muíños a auga pon á pedra a traballar, auga e pedra traballan xuntos. A auga move a pedra. A pedra moe o gran. En calquera río ou regato atópase algún muíño ou grupos deles, e por toda Galicia milleiros de variantes, desde os máis simples cun rodicio e unha moa, ata os grandes muíños industriais do Río Miño.
As ferrerías utilizaban a forza da auga para mover grandes mazos cos que se traballaba o ferro, os foles para avivar o lume da fragua, as rodas de puír e afiar para rematar as ferramentas, as prensas para dar formas e os tornos para facer os mangos. As máis recientes tiñan machucos máis lixeiros movidos por correas de trasmisión.
Os batáns usábanse para mazar os tecidos de la. Os panos, despois de tecidos, colocábanse en pías con auga onde se golpeaban para estreitar e enlear as febras e darlles corpo e suavidade.
As serrerías son instalacións para cortar madeira. As máis complexas utilizaban a auga para facer funcionar serras, tornos e cepilladoras mediante rodas de diferente tamaño e correas de trasmisión.
As rodas de afiar eran mecanismos para afiar as ferramentas movidos por unha roda hidráulica.
O petacán era un curioso enxeño que se instalaba nos regos de auga para espantar os paxaros producindo ruídos.
Hoxe case todos estes elementos, moitos restaurados, e algúns en condicións de funcionamento, forman parte do noso patrimonio etnográfico e histórico. Algúns completan o seu encanto coa súa situación en entornos naturais excepcionais.