A auga que corre

Homenaxe aos ríos do mundo, no ano mundial da auga
5 Maio 2013
río1

Con este artigo comezamos unha serIe de traballos realizados polo alumnado de 1º de ESO nas áreas de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais e Proxecto Interdisciplinar sobre unha selección dos máis importantes ríos do mundo.

Achegamos unha presentación con algunhas curiosidades e nos meses seguintes iremos traendo outras sobre os distintos ríos.

Os ríos tiveron sempre unha gran importancia para o ser humano, e en moitos casos son os eixos nos que se establecen as poboacións pois ofrecen condicións moi favorables para a vida e para realizar todo tipo de actividades. Case todas as civilizacións antigas (chinesa, exípcia, mesopotámica, do Indo...) tiveron a súa orixe ao pé dos cursos fluviais.

O río conecta lugares e países, transporta sedimentos, seres vivos, embarcacións… nutre a terra, proporciona enerxía e alimento… pero tamén pode transportar problemas dun lugar a outro: lixo, enfermidades, desastres… Calquera actuación que se faga no río vai repercutir sobre o resto do seu percorrido, polo que é fundamental establecer sistemas de colaboración entre as administracións dos lugares polos que pasa para controlar os vertidos e as obras, regular o uso da auga… e garantir que todas as persoas que vivan na súa proximidade se poidan beneficiar do que o río lle dá. Todos e todas podemos achegar o noso gran de area no que cada persoa teña na súa man: controlando os vertidos, respectando os seres vivos da auga e das súas beiras, aforrando enerxía…