Arsénico para beber

28 Outubro 2014
arsénico-análise

O Proxecto Fondecyt de Postdoutorado da facultade das Ciencias Agrarias da Universidade de Talca, en Chile, ten como obxectivo principal determinar a presenza e concentración de arsénico en produtos líquidos que adoitamos beber no noso día a día, tamén  chamados líquidos de consumo masivo.

Estes produtos poden ser dende augas embotelladas, zumes, viño ou cervexas ata o leite.

O arsénico, na táboa periódica representado como As, é un dos elementos máis tóxicos que se poden atopar no noso contorno, e adoita chegar ó noso sistema mediante inhalacións de aire contaminado, polo contacto coa pel ou a inxestión de determinados líquidos e alimentos.

En Chile foron atopadas altas cantidades de arsénico en fontes de auga potable e mesmo no aire, especialmente en zonas do centro e norte do país, debido principalmente á actividade mineira.

Ó ser un elemento tóxico, o arsénico produce efectos negativos sobre a saúde humana que van dende a irritación do estómago polo seu consumo, ata o cancro de pel, pulmón, ou fígado dependendo da vía pola que este elemento chegue ó noso organismo. Tamén pode chegar a producir esterilidade e abortos no sexo feminino.

Unha investigadora deste proxecto sinalou que, pese a que existe unha concentración máxima permitida de arsénico na auga de consumo humano, hai outros produtos alimenticios que non teñen ningún tipo de lexislación con respecto ós niveis desde elemento e que o Ministerio de Saúde so realiza o control de arsénico en algúns produtos moi limitados.

Ademais do arsénico, o proxecto que se está levando acabo en Chile pretende detectar tamén a presenza e cantidades de outros metais que en altas concentracións son nocivos para a saúde humana, máis concretamente o calcio, potasio, sodio, manganeso, magnesio, cinc, ferro e cobre.

Os resultados permitirán realizar un estudo quimiométrico para relacionar as zonas de produción e estacionalidade co contido destes elementos en determinados produtos. 

Outro dos obxectivos deste proxecto é obter e mellorar metodoloxías específicas para o tratamento de cada mostra estudada, e así converter a metodoloxía nunha ferramenta de control de calidade e alarma de niveis de arsénico.