Ano Internacional da Química
O ano que entra, 2011, será o Ano Internacional da Química, unha maneira de celebrar os logros e a súa contribución ao benestar da humanidade. A Asemblea Xeral da ONU que é quen toma estas decisións, aceptou a declaración ante a proposta presentada pola IUPAC (Unión Internacional da Química Pura e Aplicada) e a UNESCO coincidindo co centenario do Premio Nobel outorgado a Marie Curie.
Baixo o lema: “Química: a nosa vida, o noso futuro”, as metas da conmemoración son incrementar a apreciación pública da Química como ferramenta fundamental para satisfacer as necesidades da sociedade, promover o interese por ela entre a xuventude, e xerar entusiasmo polo futuro creativo da mesma.
Cando alguén escoita falar de química pensa nun laboratorio e en científicos entre tubos de ensaio, probetas e produtos químicos, pero o certo é que se nos pararamos a pensalo só un pouco, rapidamente nos decatariamos de que en realidade, estamos rodeados de química... Usamos xabóns, perfumes, fertilizantes, insecticidas, pilas alcalinas, combustibles... Que sería de nos sen anestésicos nos quirófanos, sen medicamentos, sen auga potable, sen papel, sen tinta, sen cores, sen roupa e tantos e tantos outros materiais? A nosa cociña é un laboratorio onde mesturamos alimentos e os facemos reaccionar entre si. E que é o noso organismo e o seu funcionamento máis que compostos químicos entre os que se están a producir reaccións continuamente. Incluso os nosos sentimentos son química. Pero química tamén hai, aínda que non nos guste tanto lembralo, na chuvia ácida, a contaminación, a capa de ozono, o efecto invernadoiro...
Dende este portal pensamos que deberiamos incluír unha sección na que poder falar do papel que xoga a química na nosa vida cotiá: na cociña, limpeza, aseo..., na saúde e noutras ciencias. Tamén poñernos ao día nos últimos avances, indagar en que se está a investigar e intentar mostrar a súa cara creativa, curiosa, colorista, entretida... a súa maxia, ou pensades que non a ten?
Así estaremos colaborando na educación e formación de cidadáns comprometidos e respectuosos co medio ambiente e a sostibilidade a través dun uso e consumo responsable dos produtos que a química pon ao noso alcance.