Alcoholescencia
Un estudo recente demostrou que o consumo de alcohol na adolescencia en España aumentou considerablemente nos últimos anos, sobre todo en idades de entre 14 e 16 anos.
Estes datos proveñen principalmente da Enquisa Escolar sobre o Uso de Drogas en Estudantes de Ensinanza Secundaria, que se realizou nos anos 2012-2013. Esta enquisa realízase cada dous anos a estudantes de entre 14 e 18 anos en 750 institutos ou centros de formación profesional. Segundo esta enquisa, máis da metade dos menores (un 53,3%) participaron nun botellón no último mes e, ademais, un de cada catro rapaces de 14 anos fixeron botellón algunha vez na súa vida.
Na miña opinión, a pesar de que o consumo de alcohol en España non é legal ata a maioría de idade (18 anos), é relativamente normal que a enquisa obtivera estes resultados, xa que nos grupos adolescentes se dan unhas circunstancias sociais que provocan o consumo de alcohol incluso en persoas que non desexan tomalo. A presión de grupo, a inseguridade ou o efecto desinhibidor do alcohol son escusas tralas que a maioría dos adolescentes se esconde para xustificar o seu consumo de alcohol.
Moitas veces, se unha persoa está nun grupo no que todos beben alcohol, aínda que non queira, o máis probable é que o acabe consumindo tamén, xa que ou ben os compañeiros lle din que é a única persoa do grupo que non o fai, ou ben ese rapaz ou rapaza acaba facéndoo por medo a ser botado do grupo, polo que a presión social presenta, moitas veces, un papel fundamental no consumo de drogas.
Non debemos esquecer que o alcohol non causa os mesmos efectos nunha persoa en pleno desenvolvemento que nunha persoa que xa rematou o seu desenvolvemento. Na adolescencia, a probabilidade de adquirir dependencia ó alcohol aumenta 5 veces con respecto á probabilidade de adquirila consumindo alcohol ó rematar o desenvolvemento. Ademais na adolescencia é máis probable adquirir cirrose, pancreatite, infartos hemorráxicos e algúns tipos de cancro.
Por todo isto, considero que na adolescencia é mellor non consumir alcohol, aínda que sospeito que as cifras dadas pola enquisa aumentarán segundo pasen os anos.