Alarma: centrais nucleares en perigo

14 Abril 2015
central nuclear

A enerxía nuclear prodúcese nos reactores nucleares onde o uranio 235 enriquecido con plutonio é bombardeado con neutróns, conseguindo deste modo a fisión en dous núcleos máis pequenos.

Durante este proceso libérase unha gran cantidade de enerxía en forma de calor. Esta calor será utilizada para vaporizar auga que xerará un movemento de turbinas que posteriormente producirán electricidade.

Este proceso lévase a cabo nas centrais nucleares. Actualmente existen 438 reactores nucleares en operación e 63 en construción en todo o mundo. O país que máis ten é Estados Unidos, logo Francia e Xapón. En España temos 8 reactores nucleares que proporcionan un 21% da enerxía eléctrica total.

O principal problema das centrais nucleares son os residuos radioactivos, xa que aínda non se atopou ningún lugar seguro para o almacenamento destes. Así, en Cherrnóbil están a construír un segundo sartego que cubra os restos desta planta nuclear situada en Ucraína, a cal fora protagonista dun desastre nuclear acaecido en abril de 1986. A razón é que o actual cubo de formigón está cheo de fendas e buratos por onde sae auga radioactiva.

Este problema de fuga de auga radioactiva tamén foi detectado a comezos de 2015 na central de Fukushima en Xapón, que tamén foi protagonista dun devastador accidente por mor dun terremoto e posterior tsunami.

Pero isto non é todo, un novo problema ameaza as centrais nucleares. Xurdiu xa no 2012 en Bélxica, onde se detectaron 10.000 fisuras en dous reactores. Por esta razón as instalacións permaneceron pechadas, volvendo a reabrirse na primavera de 2014. Novas probas de resistencia realizadas a comezos de 2015 detectaron resultados inesperados, 15.000 fisuras nas dúas centrais nucleares belgas. Isto fixo saltar as alarmas na asociación ecoloxista Greenpeace que esixe máis controis en todas as instalacións, indicando que o que está a pasar en Bélxica é moi grave e o risco dun fallo nuclear catastrófico está aumentando, especialmente nos reactores nucleares máis antigos.

Este problema afecta directamente a dúas centrais españolas construídas polo mesmo fabricante que construíu as belgas. Estas centrais son: Santa María de Garoña (Burgos) e Cofrentes (Valencia).

Segundo o profesor Walter Bogaerts, un dos expertos que analiza o problema, di que as fisuras poderían estar relacionadas coa corrosión. Nos reactores envellecidos a radiación causa no aceiro danos producidos por un proceso de migración dos átomos de hidróxeno que exacerban e expanden as gretas. Tamén di que o máis probable é que este problema se atopará noutras centrais, pero estas mantéñeno en segredo.

Ante esta situación hai que destacar que para salvar o planeta é preciso fomentar as fontes de enerxía renovables, entre elas as centrais eólicas e de enerxía solar. Ademais deberíamos aumentar os controis sobre as centrais nucleares, tal como indica a organización de Greenpeace.

central nuclear Fukushima

Imaxe da central de Fukushima, antes e despois do tsunami