30 anos desde o temporal Hortensia
Ata a chegada do Klaus, en 2009, o Hortensia era o ciclón recordado con máis temor na nosa zona polas catástrofes que causou no seu momento.
Este furacán formouse bastante ó suroeste das illas Azores e chegou debilitado e en forma de ciclón ó noroeste da Península Ibérica entre o 2 e o 4 de outubro de 1984 con ventos de ata 150 km/h e chuvias torrenciais.
En realidade o Hortensia nin sequera foi incluído na categoría dos furacáns máis destrutivos, pero hai que ter en conta que en Galicia non son nada frecuentes os ciclóns e só moi de vez en cando chegan os restos dos furacáns tropicais, que compre diferenciar das borrascas que sacoden a nosa comunidade tódolos invernos, xa que estas últimas fórmanse polo aire frío do Polo e avanzan cara o leste, mentres que os furacáns fórmanse polo aumento das temperaturas do mar no trópico e soen desprazarse cara o oeste.
A pesar de que os meteorólogos non o consideraran o suficientemente destrutivo como para eliminar o seu nome da lista que utilizan para bautizalos, en Galicia foi moi catastrófico. Non só ocasionou danos materiais valorados en máis de 10.000 millóns de pesetas (uns 60 millóns deeuros) como danos importantes en vivendas, cortes de luz, carreteiras e inundacións,se non que ademais deixou seis mortos e decenas de feridos en toda España.
Despois da chegada do Hortensia rexistráronse outros temporais en Galicia bastante máis problemáticos, entre os cales destacan os restos do furacán Wilma, en Novembro do 2005 ou o Gordon, en Setembro do 2006.