“Medo” á auga

1 Marzo 2015
hidrófugo

O termo hidrofobia provén do grego, onde se combinan as palabras  hydrós (‘auga’) e fobos (‘horror’). No contexto fisicoquímico, o termo hidrófobo aplícaselle a aquelas substancias que son repelidas pola auga ou que non se poden mesturar con ela.

Recentemente, un equipo de investigadores da Universidade de Rochester (EEUU) lograron crear materiais superhidrofóbicos, isto é, extremadamente repelentes á auga.

Neste novo estudio, publicado en Journal of Applied Physicso equipo expón unha nova técnica na que empregan un láser modelado, potente e preciso para debuxar certos patróns sobre a superficie dun metal creando así unha complexa secuencia de microestruturas a nanoescala capaz conferirlles novas propiedades aos metais, entre as que se encontra a capacidade de repeler a auga de forma extrema, con tanta forza que o líquido rebota ao caer sobre o metal e volve caer e rebotar outra vez ata que finalmente sae da superficie deslizándose (todo este proceso en menos dun segundo e cun ángulo de inclinación menor de 5º).

hidrófugo-1

Así, o resultado de aplicarlle esta técnica a un metal é un material que rexeita a auga moito máis intensamente ca os revestimentos químicos utilizados ata o de agora (como o teflón)  e que posúe a vantaxe de que ao cicelarse o propio material e non depender dun recubrimento, a superhidrofobia non se borra ou deteriora con facilidade, o que fai que o novo material sexa máis resistente.

Esta nova técnica conta múltiples aplicacións. Por exemplo,  podería ser utilizada para evitar a oxidación de equipos ou a acumulación de xeo en certas superficies (como as ás dos avións), así como no ámbito do saneamento, pois un sanitario fabricado con este material podería manterse limpo minimizando o uso de auga en países onde escasea, xa que non sería necesario empregar grandes funís nin ángulos pronunciados para evitar que a auga se adherira á superficie, reducindo así o seu gasto.

Ademais, tamén se podería combinar con outro descubrimento conseguido por este mesmo equipo de científicos. Utilizando estes mesmos patróns, este equipo é quen de volver negros os metais para que así, en lugar de reflectir a luz como adoitan facer, posúan a propiedade de absorbela de maneira natural. Polo que, sumando esta nova propiedade e a superhidrofobia, poderíanse fabricar paneis solares máis eficientes e que apenas necesiten mantemento.

O único problema é que esta técnica aínda ten que desenvolverse para ser levada a cabo a gran escala, pois actualmente emprégase unha hora para debuxar un patrón nunha peza de metal dunha polgada cadrada.