Xornadas de Ciencia e Tecnoloxía. Ano internacional da Química
Os días 25 e 26 de marzo tiveron lugar, no CIFP Politécnico de Santiago, as Xornadas de Ciencia e Tecnoloxía. Ano internacional da Química 2011, organizadas polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Este encontro buscaba, a través de conferencias e obradoiros, estratexias de aplicación das achegas da Química ao ensino na educación secundaria.
Esta edición virou ao redor dos seguintes eixos: propostas de traballos prácticos de Química, obradoiros sobre argumentación e traballo no laboratorio, elaboración dunha revista científica dixital (A Buxaina), dar a coñecer o papel da Química na solución dos problemas globais e difundir a importancia da contribución de Marie Curie á ciencia.
Tamén se traballou a aplicación das novas tecnoloxías ao ensino dos contidos científicos, matemáticos e tecnolóxicos e a investigación científica como recurso didáctico na educación secundaria.
Como epílogo ás xornadas, e co obxectivo de contribuír á conmemoración do Ano Internacional da Química a través dunha nova proposta denominada Proto-DiscurShow, Xurxo Mariño da Universidade da Coruña e Vicente de Souza, actor e director de escena, representaron a obra PROTÓN. A engaiolante vida dunha partícula inmortal, ou case.