Un xigante acuático

2 Marzo 2012
planeta gj

A NASA descubriu que o planeta GJ1214b, cun diámetro tres veces maior có da Terra e a corenta anos luz de distancia, está composto maioritariamente por auga.

Este planeta foi descuberto no 2009, pero ata fai pouco non se tivo certeza da súa composición. Un equipo de investigadores do Centro de Astrofísica Harvard-Smithsonian utilizou o telescopio espacial Hubble da NASA para analizar a composición do exoplaneta, aproveitando o momento no que GJ1214b pasaba diante da súa estrela, xa que ao filtrarse a luz desta a través da atmosfera do planeta revelou a composición dos gases que contén. O resultado foi o seguinte: a grosa néboa que recubre ao exoplaneta é vapor de auga.

O GJ1214b é o primeiro planeta que se coñece con estas características. Ademais, debido ás altas presións e temperaturas poderíanse formar materiais tan inusuais  como xeo quente ou auga superfluída.