Volve A Buxaina

9 Decembro 2012
Buxaina cumple-2

Despois de case cinco meses de parón, vos presentamos de novo a revista, cun cambio de imaxe e de estrutura. Ademmáis, celebramos o segundo aniversario.

Por eses cousas que ten a informática, un corte de corrente danou os discos duros onde residía o servidor e non fumos quen a recuperar a información, polo que as edicións anteriores se perderon. Agora comezamos unha nova etapa, cun servidor web e tentaremos, proximamente, ir introducindo algúns dos traballos antigos máis interesantes e recuperar as edicións antigas para a hemeroteca.

A Buxaina nacía hai agora dous anos, como unha publicación mensual, un proxecto interdisciplinar dirixido desde os departamentos de Ciencias do instituto Francisco Asorey de Cambados.

Escollemos o nome Buxaina por ser este un elemento que ten que ver coa ciencia (a física do movemento, a acción) e coa tradición (un xogo que aínda pervive no noso entorno, aínda que cada vez máis escaso).

Queremos que revista responda a un criterio científico de busca de información, investigación, sentido crítico, capacidade para comunicar, pero tamén que se entronque na realidade cotián do noso alumnado. Queremos tamén, como o seu nome indica, que sexa activa, que amose as inquedanzas do profesorado e o alumnado e que se meta nas casas a través das pantallas dos ordenadores.

Pero, tamén, e non menos importante, queremos que sexa un compromiso permanente coa nosa língua, o medio ambiente a a sostenibilidade.

O traballo de coordinación corre a cargo do equipo de profesores e profesoras de Ciencias e na edición participa tamén o alumnado e algúns colaboradores e colaboradoras externos. Temos que facer unha mención especial a Xosé Manuel Pidre Mosquera, que foi quen montara a primeira revista cando era profesor do noso centro e coordinador TIC. Agora está no CAFI, en Santiago, e ofrecéusenos a seguir colaborando encargándose de facer de novo a instalación e seguimento dos programas.

Estamos abertos a todo tipo de colaboracións de alumnado e profesorado e outras persoas que o desexen.