Vivindo en verde
Visitamos a casa de Begoña e Gonzalo, unha parella que vive en San Vicente do Grove, nunha casa unifamiliar de 90 m2. Unha casa antiga, de pedra, que reformaron hai dez anos. A finais do ano 2007, decidiron investir en enerxías renovables porque lles parecía unha boa opción.
Fixémoslle unha entrevista para que nos conte a súa experiencia e as súas opinóns sobre o emprego de enerxía renovables.
1.- Que tipos ou fontes de enerxía utilizades na vosa casa?
Na casa empregamos unicamente a electricidade.
2.- Que razón vos levou a instalar os paneis solares térmicos? Cantos paneis tendes instalados?
O que queriamos era, por unha banda aforrar cartos na nosa factura eléctrica e por outra, e máis importante, aforrar na emisión de gases a atmosfera. Temos un so panel térmico, que é suficiente para quentar auga para as dúas persoas que vivimos na casa.
3.- Que custo tiveron? Canto tempo será necesario para amortizar o seu valor?
A instalación total custou uns 3.000 €. E o tempo de amortización aproximado debe de estar nos 10 anos
4.- Recibíchedes algunha axuda da Administración? Pensades que serían necesarias máis axudas para animar á xente a que seguira o voso exemplo?
Conseguimos unha subvención do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) de 500 €, aproximadamente o 20% da instalación descontado o IVE.
Está claro que hai que animar á xente para que instale paneis tanto térmicos como fotovoltaicos, e as axudas económicas son importantes. Agora ben, paréceme que o camiño ten que ir máis pola baixa de prezo na instalación, na medida que sexan mais comúns, e pola concienciación de uso dunha enerxía moito máis eficaz, pois evita perdas por transporte, contaminación, e ademais é renovable.
5.- Este tipo de instalacións ten beneficios ambientais e económicos?
Como para quentar o auga substituímos, en parte, un termo eléctrico pola enerxía do sol o beneficio ambiental é inmediato pois reducimos o consumo eléctrico e polo tanto as emisións. Economicamente é algo máis complexo pois as instalacións son aínda caras.
6.- Considerades que no tempo en que levades utilizando os paneis, os obxectivos de aforro está cumpridos?
O gasto medio que tiñamos nos na casa cada ano ata a instalación do panel solar era de 15.000 KWh, e desde entón pasamos a gastar sobre os 12.000 KWh. Isto quere dicir que estamos a aforrar o 20% de enerxía eléctrica, e polo tanto en emisións de CO2 así que si consideramos que cumpre os obxectivos ambientais que nos marcamos.
En canto aos obxectivos económicos dado que o prezo da electricidade está a subir continuamente é probable que consigamos amortizar a instalación nun prazo menor do que calculamos.
7.- E como valorades o impacto visual que producen?
No noso caso, pola orientación da casa, o impacto é pequeno pois a placa solar queda na parte traseira, fora da vista.
Hai algúns casos, que verdadeiramente producen un impacto forte. Sobre todo en instalacións industriais. Nos casos de edificacións novas pódense integrar as instalacións perfectamente nelas.
8.- Está a xente concienciada de que compre apostar polas enerxías renovables polo ben do planeta?
Accidentes como o que estamos a vivir estes días na plataforma do Golfo de México cun vertido de millóns de litros de petróleo. Emisións de gases contaminantes, caducidade das fontes dos combustibles fósiles étc. fan que cada día sexamos máis os que pensamos que hai que traballar moito e rápido pola implantación deste tipo de enerxías
9.- Tendes algunha recomendación para outros posibles usuarios deste tipo de instalacións?
Simplemente animar a todos para instalar algún sistema de enerxía renovable na casa. Cada día hai máis instaladores, mellores equipos e de prezo máis económico.