Visita á Muíñada de Barosa
A Barosa é un espazo natural do concello de Barro, situado xunto a unhas fervenzas no río Agra ou Barosa, afluente do Chaín que se xunta co Umia en Caldas.
Ao chegar fumos a dar unha volta polo monte e vimos moitas árbores como piñeiros, eucaliptos, castiñeiros, carballos, amieiras… Máis arriba hai un estanque pequeno con patos. Logo volvemos polo monte e fumos ver un muíño de auga.
Antigamente a xente ía moer o millo ou o trigo aos muíños. Este muíño move as rodas de pedra que serven para moer aproveitando a forza da auga do río. Estivemos aprendendo o nome e o funcionamento das partes do muíño: rodicio, pé, moa, segorella, tolva…
Despois fumos ver como facían pan nunhas mesas xunto ao muíño. Un panadeiro mesturaba a auga, a fariña e o lévedo e despois amasaba e facía as distintas formas do pan: bolo, barra, molete, rosca, roscón de Caldas…
Tamén nos convidaron a zume, chocolate, galletas e madalenas.
Antes os muíños eran lugar de reunión da xente que ía moer e agora son un lugar de interese para cooñecer os labores dos nosos avós, ademais de ser un exemplo de enerxía renovable.