Visita ao Parque Eólico de Sotavento (2011)

2 Novembro 2011
Sotavento-2011

O luns, 17 de outubro, os tres grupos de segundo de ESO fumos de visita ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, situado na serra da Loba, no linde entre as provincias de Lugo e A Coruña.

Ao chegar leváronnos a unha sala onde nos explicaron como ía ser a visita. Dixéronnos varias cousas, como que as estancias estaban pintadas de distintas cores que significaban os distintos elementos da natureza, e de onde se podían quitar algunhas das fontes de enerxías naturais. Logo cada grupo foi cos seus respectivos monitores a comezar a visita.

A nós tocounos con un que nos explicou os diferentes tipos de lámpadas. Contounos que as de baixo consumo son moito máis duradeiras, resistentes e económicas e que as outras se deixarán de vender en 2012, e por iso téñense que ir cambiando. Tamén nos contou que dándolle ao botón de apagado das televisións, TDT... e desenchufando os electrodomésticos pódense aforrar ao ano moitos cartos en enerxía eléctrica. A continuación explicounos os distintos tipos de placas solares e como aforrar con elas ao longo do tempo.

Outra monitora levounos a unha casa bioclimática. Tiña moitos sensores de baixo consumo e técnicas para aforro de enerxía. Abríase a trampiña do aire quente (a da parte de arriba) para deixala ir ás habitacións e quecer a casa. Almacenaban a auga que caía da chuvia e empregábana para regar o céspede, encher a fonte e as cisternas dos WCs. No salón da casa podías abrir as paredes que daban ás habitacións para facelo máis amplo e que fluíra a calor por toda a casa.

Despois explicáronos a produción de enerxía eólica e as partes dun xerador eólico.

Logo dun descanso para xantar déronnos un chocolate quentado nun forno solar e fumos mirar de preto un aeroxerador. 

Sotavento-2011-1