Virus como remedio contra o cancro

13 Xuño 2014
virus-cancro

Andrew Hessel, un científico estadounidense especializado en bioloxía, acaba de propoñer unha nova vía para acadar a cura do cancro.

Este científico proponse levar a cabo un dos retos máis grandes da medicina mundial da actualidade a través da nanotecnoloxía: erradicar o cancro mediante virus que programaría axeitadamente cunha impresora 3D. Estas impresoras producen deseños en tres dimensións a partir de modelos creados por ordenador. Ditos deseños poden facerse con tinta ou con láser (método que  Hessel pretende empregar).

Trátase sen dúbida dun proxecto de gran envergadura e importancia. Os virus que trata de crear son uns patóxenos xa coñecidos dende hai tempo, e aos que se denomina virus oncolíticos. O que propón Andrew é fabricalos atendendo ás características de cada persoa e do tipo de tumor que padeza, atendendo á  secuencia do xenoma do paciente, asegurando así o éxito do seu uso.

virus-cancro1

Conta con grandes vantaxes: só ataca ás células canceríxenas contra as que foron programados, deixando á marxe as células que non forman parte do tumor,  e actúa sen causar efectos secundarios, en contraposición ao que sucede coa quimioterapia, a radioterapia ou algúns medicamentos  (relacionados coas hormonas); e a súa debilidade facilitaría a súa eliminación unha vez rematado o tratamento e imposibilitaría a súa supervivencia no paciente unha vez que non quedasen células canceríxenas que erradicar.

Existen  semellanzas entre esta proposta e a inmunoterapia, xa empregada para combater o cancro, posto que ambos métodos empregan axentes modificados mediante enxeñaría. Sen embargo, a inmunoterapia no relativo ao cancro emprega moléculas presentes nas células dos humanos (proteínas …), alteradas en laboratorios  para intentar destruír as células do cancro, mentres os virus de Hessel son axentes patóxenos creados de maneira artificial. No caso da inmunoterapia, malia que se emprega xa para tratar doentes, non acadou cotas de éxito destacables, e o sistema dos virus oncolíticos aínda non foi empregado.

Este método está creando reaccións de todo tipo, dende científicos escépticos ata captar centos de inversores e investigadores para lograr obter a cura do cancro. Ademais, Andrew ofrecería o tratamento gratuitamente ao comezo, e chegado un tempo, a cambio dunha cota anual, calquera persoa que a abone, podería someterse ao tratamento con virus deseñados a medida.