Vidros metálicos

10 Febreiro 2011
vidro metálico-1

Cando escoitamos a palabra vidro, o primeiro que nos vén á mente son imaxes de ventás ou de botellas. Estes obxectos están formados por materiais transparentes, inorgánicos, fráxiles e duros, e compostos maioritariamente por óxidos de silicio e carbonatos de sodio e calcio. En canto a súa estrutura é necesario dicir que a disposición dos seus átomos non segue ningún patrón xeométrico regular, é dicir, trátase dunha estrutura totalmente desordenada.

Por outra banda, os metais a diferenza do vidro presentan unha estrutura atómica ordenada; non obstante hai ocasións en que os metais poden adoptar estruturas amorfas ou desordenadas. Os metais que sofren estes efectos pasan a denominarse VIDROS METÁLICOS.

Dos vidros metálicos cómpre mencionar unha serie de propiedades que resultan especialmente importantes: en primeiro lugar, poden chegar a ser ata 3 veces máis duros que o aceiro chegando a acadar propiedades similares ás do diamante, o que pon de manifesto que estes  se atopen entre os materiais máis duros da natureza. A maiores os vidros metálicos son máis elásticos cá arxila, menos fráxiles que os vidros convencionais, e debido a ausencia de grans cristalinos poden afiarse cunha enorme precisión podéndose obter puntas de tan só uns nanómetros. A maior parte deles tamén posúen unha elevada permeabilidade e unha gran resistencia a corrosión.

Para deformar este tipo de materiais, en estado sólido é necesario que a tensión aplicada sobre eles sobrepase o limite elástico, neste contexto aparecen unha serie de franxas ou bandas de cizalla que provocan a deformación do material. Non obstante para producir esta deformación é necesario aplicar unha tensión moito máis elevada da que se necesita para modificar metais cristalinos, de aí que os vidros metálicos presenten unha dureza moi superior á das aleacións cristalinas. Pola contra, a temperaturas da orde de 200oC a 300oC, os vidros metálicos adquiren un comportamento similar ó dos plásticos xa que se deforman con facilidade.

Sen embargo, os vidros metálicos non xorden espontanemente. Os primeiros exemplares empezaron a fabricarse durante os anos 70 e 80, pero só durante a última década se conseguiron pezas de vidros metálicos dirixidas a industria. Estas obtéñense mediante enfriamentos ultrarrápidos (diminuíndo a temperatura 100oC cada segundo) de aleacións fundidas de 3 ou máis metais.

vidro metálico-

Con respecto as súas aplicacións, temos que dicir que son moi variadas por exemplo: en medicina (utilízanse en implantes óseos, recubrimentos dentais, microciruxía , microscopía), no exército (perforación de búnkers), en aplicacións aeroespaciais, en materiais deportivos (raquetas ou paus de golf), microengraxanes ou microresortes.

En canto o seu prezo, cómpre dicir que na actualidade é moi elevado en comparación cos outros metais cristalinos, aínda que se están a desenvolver novas composicións e  técnicas de fabricación para reducir os custos.

Xa para concluír, dicir que o vidro metálico vai poder converterse nun material moi utilizado no futuro polas súas numerosas propiedades e características.