Víctor López Seoane: o amigo galego de Darwin
O día 28 de Setembro de 1832 nacía no Ferrol o naturalista galego máis importante do século XIX, Víctor López Seoane.
En Santiago de Compostela obtivo o título de bacharelato de filosofía (1851) e na Universidade Central de Madrid comezou os estudios de medicina que rematou en Santiago (1859). Entre os anos 1862-1864 foi profesor nun instituto da Coruña e máis tarde, tamén en Santiago, conseguiu o grado de bacharelato en ciencias (1866), para finalmente exercer a medicina provisionalmente no hospital militar de Ferrol.
No 1869 fixou a súa residencia na Coruña e ao ano seguinte casou con Francisca Rioboo, por quen decidiu abandonar o exercicio de medicina e centrarse na administración das súas novas propiedades.
Dende moi pronto orientou os seus intereses cara ás ciencias biolóxicas e xa nos seus anos de estudiante recolectaba plantas para a Cátedra de Historia Natural da Universidade de Santiago. Formou parte das máis importantes Academias Científicas de Europa e realizou numerosos traballos científicos no campo da flora, da fauna e da xeoloxía. Ademais mantivo correspondencia escrita co mesmísimo Charles Darwin, quen tamén, a parte das súas aportacións á ciencia, foi un gran coleccionista de especies naturais. O afán coleccionista de exemplares naturais de Seoane mantívose durante toda a súa vida cunha finalidade característica da súa época: catalogar a vexetación e fauna dos diferentes territorios. Así descubriu algunhas especies e subespecies moi importantes, entre as que se poden citar a lagartixa Podarcis bocagei, endémica da Península Ibérica.
Faleceu o 11 de xuño de 1900 pero deixou unha pegada permanente entre os naturalistas galegos de todos os tempos.