Uxío Novoneyra

8 Decembro 2010
Courel1

Este ano dedicóuselle o Día das Letras Galegas a Uxío Novoreyra, un poeta que cantou como ninguén á natureza e, moi especialmente, ao Courel. Nos seus poemas podemos atopar alusións abondo á paisaxe, ao tempo, ás horas do día e os traballos das xentes do campo.

Uxío Novoneyra é un dos poetas máis relevantes da lingua galega cunha obra vangardista e ao tempo de fonda raigame na terra e na xente, co Courel como espazo físico inmediato e Galicia como fondo.

Os seus poemas evocan sensacións visuais, táctiles, auditivas e anímicas apoiados nunha coidada estrutura de gran efecto visual e sonoro, cun vocabulario variado e rico recollido da fala natural da xente.

Ninguén soubo como el facernos sentir as formas, a luz, as cores, o ambiente, o paso do tempo e das estacións, as horas, os estados anímicos ou as xentes desa pequeno universo que é a serra do Courel.

Fun por primeira vez ao Courel hai máis de trinta anos e asombroume a grandiosidade da súa paisaxe de formas bruscas e rotundas, e sorpredeume tanto como eso a pegada humana, a forza e o efecto do traballo na terra durante séculos. Visiteino logo moitas veces, coa neve do inverno, co ouro do outono e co rebulir de formas de vida da primavera, e sempre me foi agradecido, sempre me agasallou con novos lugares, con novas luces e detalles. Pero nunca se me fixo tan íntimo e á vez tan inmenso, como cando o percorrín acompañada polos versos de Novoneyra.

Como homenaxe quero traer aquí algúns dos seus versos que fan referencia á natureza e, en especial ao tempo de outono.

 

CHOVE nas veigas sin que se oia.

Novoneyra

Unha tras outra

cain as follas dando voltas...

 

Ollando a serra calada

ún agarda

unha cousa

queda e lonxana.

                         (OS EIDOS)

 

 

XEA

Fai un frío que queima.

Pouco a pouco

érguese a terra en trempos.

O tourón os trousos os carambelos!

Cruza un lobo....

Roxe e folla nos carreiros

aló no fondo dos cousos.

                        (OS EIDOS)

 

Trempos: bloques de terra, neve ou auga xeados. Bloques soltos de lazo.

Tourón: chan endurecido polas grandes xeadas.

Trousos: neveiros, pilas de neve. Restos de neve que quedan nos tesos.

Carambelos: carambos, auga conxelada penduradas das beiras das pedras e cubertas.

Couso: foxa, depresión súpeta de terra, xanza para cazar lobos.

Courel