Unha porta a esperanza ou unha nova decepción?

O cumio sobre o cambio climático en París remata nun acordo non vinculante
3 Xaneiro 2016
logo COP Paris 2015

Á urxencia de alcanzar acordos e compromisos en relación á redución das emisións e da invulnerabilidade ao cambio climático trataron de facerlle fronte, dende o 30 de novembro ata o 11 de decembro na COP21, na 21ª reunión do Convenio Marco de Nacións Unidas Sobre o Cambio Climático (CMNUCC), celebrada na capital francesa. Foron máis de 40000 persoas, dun total de 195 países diferentes, as que participaron nesta cume histórica cun único obxectivo: combater o cambio climático, alcanzando un acordo universal para tratar manter o quentamento global por debaixo do límite de 2º C en relación aos niveis preindustriais, buscando sociedades e economías baixas en carbono. Para isto sería necesario, segundo a Axencia Internacional de Enerxías Renovables, duplicar a instalación de fontes limpas nos próximos 15 anos.

Resulta imprescindible fomentar o uso de enerxías renovables, dado que o sector da enerxía é o responsable de máis de dous terzos das emisións mundiais de gases efecto invernadoiro, causantes do quentamento global.

Aínda que nun principio o efecto invernadoiro se trata de algo positivo, o incremento destes gases na atmosfera, sendo o CO2 o principal responsable do aumento do efecto invernadoiro pola súa abundancia, son os que contribúen ao aumento da temperatura media global, e esta, ao mesmo tempo, provoca o actual cambio climático.

Este exceso de CO2 ten a súa orixe no uso masivo dos combustibles fósiles, que constituían reservas de carbono contidas no interior da Terra durante millóns de anos e que foron liberados nun curto período de tempo.

Boina contaminación Madrid

Pero isto non é todo; existe unha base científica entre a relación dos contaminantes ambientais e a mortalidade prematura. O aumento de CO2, ademais de NO2 (responsable do smog fotoquímico), ozono e outras partículas en suspensión, non só empeora a saúde de persoas con enfermidades anteriores, como asma, senón que aumenta as posibilidades de padecer enfermidades pulmonares, e incluso causar un infarto.

Sen ir máis lonxe, cidades como Madrid e Barcelona son algunhas das que, con frecuencia, superan os niveis de contaminación que a OMS considera prexudiciais.

Un acordo que aposte pola creación dun novo modelo produtivo, rendible e eficiente para que poida reducir a dependencia dos combustibles fósiles resulta de gran complexidade, xa que para isto necesítase do compromiso,ademais dos países, da propia poboación, a que adoita reaccionar de maneira incomprensible a estas medidas, xa que a comodidade e o costume de optar polo uso dos combustibles fósiles parece cegarnos ante a realidade. Así e todo, o Acordo de París xa é unha realidade: limitar o aumento de temperatura a 2°C, esforzándose para que non supere os 1.5°C, e crear un sistema de financiamento de 100.000 millóns de dólares ao ano. Para isto, é necesario que todos os países, e principalmente os máis desenvolvidos, poñan límites ás emisións de gases de efecto invernadoiro, para lograr chegar así, cara a segunda metade do século, a un equilibrio entre as emisións e a capacidade para absorber eses gases. Este compromiso senta as bases do cambio de camiño ás enerxías 100% limpas.