Unha perfecta sincronización
Este ano o premio Nobel de Medicina galardoou a tres científicos que investigaron a razón pola cal as nosas células reciben os seus nutrientes, hormonas e demais compostos químicos de forma ordenada e cuantificada, segundo as súas necesidades.
A estes tres profesores de universidade debémoslles o feito de coñecer a existencia duns contedores encargados do transporte de nutrientes, e no caso das células que segregan compostos, como por exemplo as células dos órganos endócrinos como a insulina (segregada polas células do páncreas), organizar estes compostos e entregalos no lugar indicado no momento xusto. A estes contedores denominámolos, a partir de agora, vesículas.
Realmente, as vesículas xa eran coñecidas pola comunidade científica, xa que son moi comúns de ver na maioría das células eucariotas. Ata agora o que sabíamos delas é que se forman no aparello de Golgi, que almacenaban nutrientes, como a auga, e que tiñan a función excretora da célula. O que realmente se lles premiou a estes tres científicos é o feito de descubrir como funciona todo o mecanismo e aclarar que axentes interveñen, entre outros moitos detalles do sistema de transporte vesicular.
Deste modo, un incorrecto funcionamento do sistema de vesículas fai que o individuo padeza unha enfermidade, por exemplo a diabete, o tétanos ou as temidas distonías.
Pero, como foi o descubrimento? Pois ben, pódese dicir que foi o resultado de anos de investigación, e preséntasenos como un conxunto dos traballos de James E.Rothman, Thomas C.Südhof e Randy W. Shekman, por separado.
> Shekman traballou con fermentos nos que identificou diferentes xenes que, de non existir o transporte nas células, sería un caos.
> Rothman descubriu pequenos sacos en células de mamíferos coa capacidade de transportar moléculas; estes sacos fundiríanse contra as membranas das células diana descargando o seu material, de tal modo que as proteínas que forman ditos sacos, so encaixarían nos ocos adecuados nas membranas onde as vesículas teñen que depositar as moléculas específicas e necesarias no momento xusto.
> Südhof adoptou as teorías dos dous últimos científicos nos seus estudos sobre os neurotransmisores e, sorpresa!, a teoría das vesículas encaixaba perfectamente no modelo, e concordaba coas observacións que o científico nacido en Alemania levaba facendo dende facía tempo.
Polo tanto e deste xeito, grazas as achegas destes tres grandes científicos galardoados co premio de maior prestixio con todos os honores, hoxe comprendemos mellor o transporte vesicular, a comunicación neurolóxica, a causa de que no corpo exista unha coordinación tan exacta e precisa, e posiblemente nuns anos coñezamos tratamentos ou curas para moitas enfermidades.