Unha estrela das comunicacións
A arte e a tecnoloxía son dúas facetas da creatividade que se atopan moi relacionadas, a pesar das diferenzas que en aparencia teñen entre si. Boa mostra diso é Hedy Lamarr, nacida hai cen anos en Viena e coñecida mundialmente polo seu traballo como actriz e pola súa excepcional beleza, pero á que eu persoalmente admiro pola importante achega que realizou ao mundo das telecomunicacións.
A súa vida é, o que se di, "de película": aos 19 anos, os seus pais arranxaron o seu matrimonio cun fabricante de armas do que tivo que escapar para divorciarse, ao que seguiu unha axitada vida sentimental que a levou a contraer seis matrimonios. No artístico foi rompedora e audaz (protagonizou escándalos como o de escenificar por primeira vez un orgasmo no cine) e sempre quixo ser valorada máis alá do seu sedutor físico.
Lamarr, que sempre tivo curiosidade e inclinación cara á tecnoloxía (iniciou estudos de enxeñaría na súa xuventude), coñeceu en 1941 ó músico vangardista George Antheil. Ambos os dous estaban interesados en contribuír dalgún xeito á fin do dominio nazi na guerra e idearon un sistema para que os torpedos guiados por medio da radio non puidesen ser detectados e inutilizados. A Lamarr ocorréuselle que a frecuencia da emisión podía ser cambiada constantemente e desa forma poderíase controlar un mísil sen que fose interferido.
Nesta idea sinxela, pero non doada de levar á práctica, baséanse moitos dos sistemas de comunicacións actuais e foi bautizado como espectro expandido. Basicamente trátase dun tipo de modulación dos sinais que fai que estes sexan menos sensibles ás interferencias e moito máis seguras. Ademais permiten compartir unha canle con varios usuarios, a cambio de aumentar o ancho de banda.
Mentres que Hedy foi unha estrela de cine, a súa faceta de inventora mantívose en segredo, ao parecer para non estragar a súa imaxe. Que tempos tan afastados nos que só se valoraba unha muller polo seu aspecto... Ou non tan afastados?