Unha agradable sorpresa, Fritillarias no Roncudo

5 Abril 2012
fritillarias

Nunha das nosas habituais excursións polo país achegámonos estes días outra volta á Costa da Morte e, despois de visitar o emblemático faro do Roncudo, acordamos facer un percorrido polos cumes, as pistas do parque eólico axudan moito a facelo, e alí, onde menos o agardabamos, recibimos unha agradable e fermosa sorpresa.

Nunha das numerosas pías que teñen as pedras, rechea de terra e cuberta de herba, había unha ducia de plantas en flor. Unhas plantas máis habituais da montaña que se atopaban (un pouco desmedadas pola falta de terreo e de auga neste ano de seca que estamos a padecer) a menos de 150 m sobre o nivel do mar.

Tratábase dun grupo de Fritillaria nervosa, unha pequena planta da familia das liliáceas. Unha bulbosa de cor crara rematada nunha flor grande, colgante de cor vermello escuro azulado co interior amarelo-suxo con manchas vermellas escuras.

É unha planta vivaz que agroma na metade do inverno e florece na primavera. En Galicia hai referencias da súa presenza nas montañas (Trevinca, O Courel...) e na serra da Capelada.