Tromba mariña en Ribeira

6 Abril 2011
tromba mariña

O 26 de marzo houbo en Ribeira, fronte á costa de Palmeira, unha tromba mariña en forma de tornado. Produciuse ás 19,45 e desfíxose en poucos minutos. Non causou ningún dano. As persoas que o presenciaron pasaron medo debido á súa altura e á rapidez con que se movía. Algúns mariñeiros recordan fenómenos semellantes. Varias persoas grabaron o momento e fixeron fotos.

As trombas mariñas ou mangas de auga fórmanse xeralmente sobre a base de grandes cúmulos ou cúmulo-nimbos. A masa de aire descende a gran velocidade e pode elevar a auga da superficie do mar. Dentro da tromba existe unha área de altas presións con aire frío descendente e unha zona máis ampla de baixa presión con aire quente ascendente que rodea á anterior. Entre as dúas fórmase unha zona de condensación que semella unha paeede doble con remuíños.