Toxiño, un golfiño en recuperación

Recuperación de mamíferos mariños
12 Xaneiro 2013
Toxiño

Nas últimas semanas previas ao Nadal, e durante os temporais que azoutaron as nosas costas, teñen acontecido un importante número importante de varamentos de cetáceos, sobre todo no sur de Galicia, entre Oia e O Grove.

Foron detectados 30 mamíferos mariños varados, o que supón o 14% de todo o ano 2012. A maioría foron golfiños comúns, mais tamén houbo outros casos significativos como dúas baleas comúns, unha en Oia e outra en Foz, un lobo mariño ou unha tartaruga de coiro.

O golfiño Toxiño

Entre estes últimos casos destaca o varamento vivo dun exemplar macho de golfiño común (Delphinus delphis) de 126 cm de lonxitude, ao pé da ponte da Toxa na mañán do día 30 de decembro. Despois da asistencia en primeira instancia dos membros de Protección Civil do Grove desprazáronse alí os equipos e a Unidade Móbil da CEMMA. Diante da imposibilidade de liberar ao animal, dado o seu pequeno tamaño e a súa debilidade, foi transladado ás instalacións do Acuario do Grove, onde foi instalada unha Unidade de Coidados Intensivos provisional, consistente nunha piscina de pequenas dimensións, para poder levar a cabo o primeiro diagnóstico, exame e tratamentos.

O golfiño evolucionou fravorablemente durante os primeiros días, superando a crise de varamento, mellorando no seu estado e alimentándose por el mesmo, é por iso que, superado este primeiro momento crítico, precisaba ser instalado nunha piscina de maior tamaño. Diante da imposibilidade de dispoñer deste tipo de instalación nese momento no propio acuario, contouse cunha piscina posta a disposición pola empresa Mariscos Viveiros de Vigo (http://www.viverosdevigo.com/) que xa colaborara coa CEMMA no ano 2007 durante a tentativa de recuperación dunha cría de toniña. Instalación en Vigo.

Unha vez estabilizado o animal, na tarde do día 3 de xaneiro, despois de levar a cabo os preparativos da Unidade Móbil para o transporte e tamén da instalación de recepción da piscina no viveiro, procedeuse ao translado do golfiño. Esta foi unha delicada operación durante a cal foi monitorizado continuamente polo equipo veterinario. Ás 17:00 h o golfiño adaptábase a súa nova instalación que conta cunha pisicina de 12x3 m de dimensións onde ademais de recibir os tratamentos e a alimentación pertinente poderá exercitar a musculación e a natación. O estado do animal segue a ser aínda crítico e moi delicado, a pesar da melloría.

A Rede de Varamentos de Galicia

cemma

A posta en marcha da Rede de Varamentos de Galicia foi posible coa fundación no ano 1990 da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), actualmente a rede está xestionada por esta entidade a través da colaboración mantida coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Rural, dende o ano 1999.

Estas actividades de asistencia á fauna mariña ameazada varada enmárcanse actualmente no servizo que a CEMMA leva a cabo para a Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia: Seguemento e monitorización poboacional dos cetáceos e o desenvolvemento da rede de asistencia aos varamentos de mamíferos e réptiles mariños en Galicia (Exp. 25/2012CN).

A CEMMA é a única entidade que coordina a Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

O equipo veterinario

Os labores de rehabilitación de fauna mariña ameazada están a cargo do equipo veterinario da CEMMA dirixido polo Doutor Josep María Alonso Farré, veterinario especialista en fauna mariña salvaxe que se integrou á Rede de Varamentos de Galicia dende 1999 onde formou ao equipo de recuperación, un dos máis potentes da Península. Actualmente o equipo veterinario tamén conta coa asistencia da veterinaria María Llarena Reino e do biólogo José Antonio Martínez Cedeira, tamén presidente da CEMMA, que coordinan os labores clínicos e biolóxicos de asistencia á fauna e, así mesmo, ao equipo de voluntariado para a monitorización ás 24 horas. A Unidade de Coidados Intensivos de Ferrol está coordinada por Juan Ignacio Díaz, da Sociedade Galega de Historia Natural-SGHN.