Tempo de Entroido

O Entroido en Galicia
3 Marzo 2011
entroido Laza

Peliqueiros de Laza

O entroido, antroido ou carnaval é unha festa que se celebra anualmente inmediatamente antes da cuaresma cristiana. As datas son variables, desde finais de xaneiro ata comezos de marzo. Celébrase en moitas partes do mundo e ten moitas variantes: desfiles, comparsas, máscaras, disfraces, coplas, burlas... Todas teñen en común o de ser uns días de permisividade e descontrol.

A orixe do Antroido é moi antiga e hai diversas teorías. As civilizacións antigas de Sumeria e Exipto, hai máis de 5.000 anos; as festas en honra a Baco, as saturnais e as lupercais romanas. Logo estendeuse por toda Europa e foi levada a América onde se mesturou cos costumes locais.

A palabra entroido deriva do latín introitus (entrada) que indica o comezo da primavera e do rexurdimento da vexetación. A orixe da palabra carnaval ten moitas explicacións: do latin vulgar carne-levare (abandoar a carne) ou do italiano “carne vale” (que se pode comer carne). Outros din que se deriva do nome da deusa celta das fabas e o touciño chamada Carna, ou das festas indoeuropeas adicadas ao deus Karna.

As festas de Antroido máis importantes do mundo celébranse en Brasil, Colombia, Italia, México, Urugay, República Dominicana... En España celébranse por todas partes. Os de Cadiz e Tenerife están declarados Festas de Interese Internacional.

En Galicia celébrase en moitos lugares con características mo diferenciadas. Os máis coñecidos son os de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa...

O ciclo de Entroido en Galicia ten diferentes duracións. En moitas zonas de Ourense dura cinco semanas: Domingo fareleiro, Domingo Oleiro, Xoves de compadres, Domingo Corredoiro, Xoves de Comadres, Domingo de Entroido, Luns de Entroido, Martes de Entroido, Mércores de Cinza e Domingo de Piñata.

As máscaras son moi variadas e reciben tamén diferentes nomes. Na zona de Ourense cobren a cara e poden ser de madeira ou outros materiais con moitas cores e adornos: peliqueiros (Laza), cigarróns (Verín), felos (Maceda), boteiros (Vilariño de Conso, Manzaneda e Viana do Bolo), irrios Castro Caldelas), charrúas (Allariz), pantallas (Xinzo de Limia), vergalleiros (Sarreaus), murrieiros (A Teixeira), troteiros (Bande), verrallóns (Riós)... Na zona atlántica e Ulla empregan traxes moi coloristas e case nunca cobren a cara. Unha parte importante é a representación colectiva acompañada de coplas ou recitados: madamitas e madamitos (Cotobade), damas e galáns (Cangas e Vilaboa), xenerais do Deza e Ulla...

Outros costumes son vestirse de choqueiro con roupas vellas, queimar un boneco representativo (chamado Meco nalgúns lugares), botar fariña á xente, ou, como no caso do merdeiro de Vigo, peixes podres. Todo o anterior ben acompañado de lacoadas e cocidos, filloas, orellas e outras lambetadas.

En Cambados o Entroido celébrase de sábado a martes e remátase co Enterro da Sardiña no Mércores de Cinza. Tamén se celebra, en menor medida, o Domingo de Piñata. Durante moitos anos houbo grupos de comparsas que actuaban polas rúas, costume que se perdeu e se volveu recuperar hai uns 25 anos, aínda que actualmente só se mantén Unha Grande Chea.

Entroido Cambados
See video