As telleiras
Con este nome coñecíanse as instalacións e adicadas á elaboración de tellas, ladrillos e outros elementos de construción a base de arxila. O nome aplicábase tanto ao edificio como ao lugar de traballo.
Neste artigo quero contar a miña experiencia persoal arredor das telleiras e dos homes e mulleres que traballaron no duro traballo de sacar o barro da terra e convertelo en obxectos útiles.
Entereime da existencia das Telleiras cando comecei a dar clase no Colexio de Castrelo, alá polo ano 1980, ao escoitar falar delas aos meus alumnos e alumnas. A miña curiosidade levoume a visitalas e investigar sobre elas. Tiven a sorte de coñecer enteira a de Manuel González, a última que traballou en Castrelo. Fixemos traballos no colexio e conseguimos que nos fixese unha demostración que grabou a televisión para o programa Barrio Sésamo. Co traballo, no que participaron fillas e netas de traballadores da telleira, gañamos un premio en 1984. Logo visitei e vin traballar a telleira de Noia, en Dena, a última telleira activa do Salnés, e xunto con Saúl Otero e Mon Daporta publicamos un libro (Ed. Ir Indo, 1993) no que incluímos investigacións sobre as telleiras doutros lugares de Galicia (Catoira, O Rosal, Salvaterra…).
Máis adiante, desde a Asociación Candea, fixemos dúas exposicións e editamos uns folletos para dar a coñecer as telleiras en todos os centros de ensino da comarca.
No Instituto Francisco Asorey, o profesorado de Ciencias (equipo no que me inclúo) retomou o interese por este tema. Fixemos unha demostración con Ramón Lorenzo e Daniel González no 2000 e outra no 2008 e publicamos un libro.
Neste momento, en que as telleiras practicamente desapareceron, e só queda delas unha morea de pedras rodeada de silveiras, quero achegar a miña contribución a que se coñezan tal como foron e se valore aquela dura forma de traballar.