Tartarugas xigantes nas costas galegas

4 Xaneiro 2012
tartaruga de coiro

Nos últimos días apareceron varias tartarugas en distintos puntos da costa galega, en Muros, Camariñas e Samil (Vigo).

As tartarugas de coiro, son as tartarugas mariñas máis grandes, xa que superan os dous metros de lonxitude e poden chegar á media tonelada de peso. O seu tamaño corporal, as súas grandes aletas e a capacidade que teñen para manter a temperatura corporal, axúdaas a realizar migracións de miles de quilómetros dende as zonas de cría ata os lugares de alimentación.

Viven nos océanos Índico, Pacífico e Atlántico e están consideradas como especies en perigo crítico pola Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Dende o ano 2000 en Galicia atopáronse 90 exemplares (10 neste ano). Pénsase que veñen dende o mar Caribe seguindo a corrente do Golfo e pérdense. A maioría morren atrapadas nas redes de pesca, aínda que algunha chega viva.

Na imaxe un exemplar que chegou ás costas de Vilanova de Arousa arredor de 1985.