Subida ao monte Castrove
O venres 15 de novembro fixemos unha ruta polo monte Castrove, un monte desde o que se poden ver as rías de Pontevedra e Arousa e todo o val do Umia ata Portas.
Veunos buscar o autobús ao instituto e levounos ata o pé do Monte Castrove (A Escusa) e alí comezamos a ruta. Fumos subindo pola cara sur e chegamos ata o cume desde onde se vía a Ría de Pontevedra, Marín, Pontevedra, a illa de Tambo… Desde alí fumos polos cumes, subindo unha costa moi empinada, ata a outra punta desde onde se ve toda a ría de Arousa. Baixamos pola pista pola outra cara do monte e pasamos polo nacemento dun pequeño río que baixa cara ao Umia. Xa no autobús, aproveitamos o camiño de volta para facer unha parada nos muíños de Meis. Foi moi bonito, pasámolo ben e aprendemos moito.
A camiñada a pé (6 km) pódese facer en 2 horas (sen pararse moito) e non ten moita dificultade. Podemos gozar de vistas espectaculares sobre as rías de Arousa e Pontevedra e o Val do Salnés. Recomendable para facer cun día despexado para ter boa visibilidade.
O Castrove é unha pequena serra con orientación NE-SO, situada entre as rías de Arousa e Pontevedra. O cume máis elevado é o Castrove, con 613 m. A maioría das árbores son piñeiros e eucaliptos de repoboación, xunto con pequenas áreas de especies ornamentais variadas. Conta cunha área recreativa na parte baixa.
COMO CHEGAR: o acceso pódese facer desde Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, Meis ou Poio. Séguese a estrada asfaltada ata a Escusa e a partir de alí vaise por pistas de terra.
O inicio da ruta é no primeiro cruzamento á dereita. Séguese cara arriba sen coller ningún desvío ata chegar ao alto en que vira á esquerda e nos conduce ata o primeiro cume. Logo segue pola parte alta ata a última caseta de vixiancia e a partir de alí comeza o descenso ata o punto de partida. Moita xente faina en bicicleta de montaña.