SOS golfiño

7 Abril 2013
SOS golfiño

O luns 18 de marzo, a iso das 10 da mañá, chegou un aviso aos vixilantes (Espazo natural Ons-O Grove)  do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, sobre o varamento na Revolta (praia do Bao), dun golfiño durante a baixamar. Ao chegar os vixilantes puideron comprobar que o exemplar varado era unha femia de golfiño común que media, arredor, de 2 metros de lonxitude e que, aparentemente, non tiña feridas agás as propias producidas polo varamento.

Os vixilante puxéronse en contacto co Concello do Grove para solicitar a axuda, material e humana, que permitise trasladar o golfiño ata o porto de Pedras Negras. Improvisaron  unha padiola con dúas toallas e entre catro persoas puideron achegar o golfiño ata o coche que o transportaría ata un lugar seguro.

Xa en San Vicente do  Mar, no porto de Pedras Negras, deixouse o golfiño nas tranquilas augas da dársena. O persoal quedou á espera e vixiando o comportamento que mostraba o animal que, logo de tranquilizarse, deixou as augas do porto a iso da unha do medio día.

Nesta operación de rescate, ademais dos vixiantes do Servizo de Conservación da Natureza, tamén participaron operarios do concello do Grove e voluntarios de Protección Civil deste mesmo concello que despediron o golfiño desexándolle boa sorte.