Son de amores
Poder pasear pola rúa escoitando os sons da natureza é imposible se un vive nunha cidade, por culpa da contaminación acústica que está asolagando as grandes urbanizacións. Pero este problema non soamente afecta ás persoas, senón que tamén o sofren os paxaros, xa que teñen que aumentar o seu nivel de canto para poder compensar o ruído urbano.
Un estudo realizado polos membros do CSIC indica que o xirín, un paxaro da familia dos xílgaros, aumentou o volume do seu cantar a 70 decibelios, utilizando niso o 60 % do seu tempo. O problema que ocasiona esta técnica é que o xirín reduciu o tempo investido noutras tarefas importantes, como é estar atentos aos depredadores. Expertos en ornitoloxía puideron comprobar este feito, escoitando á mesma clase de paxaro cantar a diferente volume dependendo de se estaba no campo ou na cidade.
Os paxaros utilizan o seu cantar para atraer ás femias e para marcar o seu territorio, polo que esta diferencia que se está dando entre eles pode marcar tamén o comezo dunha distinción que posiblemente desencadeará na creación de dúas especies diferenciadas.