A Siradella, o miradoiro da Lanzada

Xea
4 Febreiro 2014
Siradella

A visita ao monte da Siradella (O Grove) é unha actividade que facemos no noso centro todos os cursos con distintos niveis co motivo de estudar a paisaxe e os valores naturais da zona.

Unha ruta circular no concello do Grove que discorre en parte polo espazo Natural Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Lagoa Bodeira e Punta Carreirón, protexido como LIC, ZEPA e Humidal Ramsar.

Siradella-Asorey

Poderemos gozar de espléndidas panorámicas da ría de Arousa, e da costa da Lanzada e observar unha variada flora e fauna dunar e de monte, interesantes formas graníticas (penedos, pedras cabaleiras) e restos arqueolóxicos (asentamento castrexo do monte Siradella). Na parte alta atópase o centro de Interpretación da natureza do Espazo Natural.

COMO CHEGAR: pódese deixar o vehículo na explanada que hai preto da rotonda do cruzamento da Lanzada e iniciar a ruta seguindo a estrada ata o acceso ás dunas fixas nun camiño pechado cunha barreira de madeira que continúa ata a parte alta do monte onde hai varios miradores e podemos visitar o Centro de Interpretación. A baixada faise polo outro lado pasando a carón da “Figueira do Meco”. Descendemos entre grandes penedos ata a duna remontante e logo collemos cara á esquerda para volver ao aparcamento. 

A distancia aproximada é de 4 km e dura arredor de 2 horas, dependendo do que nos paremos.

A ruta pódese completar con outras indicadas nas proximidades que discorren polas antigas canteiras. 

Siradella-ruta