Serra do Invernadoiro

29 Outubro 2014
Invernadoiro

Un parque Natural situado no Surleste do Macizo Central, debaixo de Cabeza de Manzaneda, no concello de Vilariño de Conso. Un bo lugar para visitar no outono.

O espazo ten moito interese xeolóxico, paisaxístico, botánico e faunístico. Na cabeceira do río Ribeira Grande, debaixo do Pico Seixo atópase o circo glaciar de Guasenza. Posúe unha gran riqueza vexetal con especies atlánticas e mediterráneas, bosques de ribeira e amplas áreas repoboadas con piñeiro silvestre.

Nas zonas máis afastadas consérvanse os que sexan posiblemente os bosques máis antigos de Galicia con carballos (dos máis vellos de Galicia, con máis de 500 anos) acompañados de acivros, carbas, pradairos, bidueiros, capudres, salgueiros... Esta área está catalogada como reserva integral e só é posible acceder a ela con fins científicos (cunha autorización especial) e de conservación.

O Invernadeiro destaca pola riqueza da súa fauna silvestre. Hai unhas 150 especies de vertebrados: 40 mamíferos (lobo, gato bravo, xabarín, lebre, esquío, leirón gris -que ten aquí o límite meridional da súa presenza en España-, gato bravo, marta, lontra; 90 aves  (aguia real, falcón…). Acolle unha área de recuperación da fauna e zonas valadas nas que crían cervos, gamos, corzos, rebezos e cabras montesas.

Para acceder ao parque precísase solicitar un permiso da Delegación da Consellería de Medio Ambiente de Ourense. As visitas están limitadas a 30 persoas nos días laborables e 50 nos festivos. Ten unha aula da natureza e un albergue para vistantes.

Invernadoiro-mapa