Semana de temporais en febreiro

10 Marzo 2011
chuvia febreiro

Un temporal pouco habitual, bautizado co nome de “Quirin”, afectou a Galicia na semana do 14 ao 19 de febreiro. Veu cargado de choivas, con fortes ventos e ondas xigantes, tormentas eléctricas, nevadas, pedrisco e incluso un pequeno tornado na Pobra de Brollón e un raio bola na Coruña..

Domingo 13 de febreiro: temporais de neve por enriba dos600 m con estradas cortadas en dirección a Zamora. Fortes granizadas en Ferrol e A Cañiza.

Luns 14 de febreiro: alerta laranxa, mar de fondo con vento de forza 8 no mar e ondas de ata6 m de altura. En Burela rexistráronse rachas de vento de140,6 km/h e en Cuntis de100 km/h. Fortes descargas eléctricas, árbores caídas e estradas cortadas. Un raio descarga nun avión con destino a Coruña sen que produzan danos.

Martes 15 de febreiro: alerta vermella na costa por mar de fondo de forza 8 e ondas de ata 10 m de altura, e alerta laranxa no resto de Galicia. Na Langosteira (A Coruña) rexistráronse ondas de 15,75 m de altura. Os ventos na costa andiveron polos 100 km/h. Tormentas de neve nas áreas de montaña. grandes granizadas que causaron accidentes nas autopistas, tormentas eléctricas de Pontevedra e chuvias intensas. No Grove romperon os pantaláns do porto, recentemente instalados. A Consellería de Educación suspendeu as clases nas zonas do interior de Ourense e Lugo, debido ás intensas nevadas, e as actividades extraescolares e ao aire libre en toda a zona costeira.

Mércores 16 de febreiro: alerta laranxa na costa por mar de fondo. Ventos de ata158 km/h (Oia-Pontevedra). Destrozos nos peiraos de Ribeira, A Guarda, Muxía, Vigo, tendidos eléctricos rotos, árbores e valos caídos... Contabilizáronse 548 raios, un deles fundeu a instalación eléctrica da Torre de Hércules. Un morto en Vigo ao tentar amarrar a súa embarcación. Quedaron sen clase por culpa das nevadas máis de 4.600 alumnos.

ondas Orzán

Xoves 17 de febreiro: segue a alerta laranxa na costa con ventos de ata90 km/h e chuvias moi intensas. Nalgúns lugares dos Ancares a neve acadou os3 m de altura.

Venres 18 de febreiro: o temporal diminúe a súa intensidade, segue a alerta laranxa na costa,

Sábado 19 de febreiro: continúa a alerta laranxa na costa por mar de fondo con ondas de4 a6 m nas costas das Rías Baixas e A Coruña.