Seguindo a Ruta do Canal de Castilla

O IES Asorey participa por segunda vez no programa de Rutas Científicas
16 Decembro 2012
Esclusa Frómista

Esclusa cuádruple de Frómista

Seguindo o curso do Canal de Castilla, grande obra de enxeñaría dos séculos XVIII e XIX que pretendía comunicar o norte da meseta co Cantábrico para facilitar a exportación dos excedentes de gran e lá producidos nos campos de Castela, 22 alumnos do bacharelato Científico-Tecnolóxico do IES Francisco Asorey acompañados por dous profesores do departamento de Bioloxía e Xeoloxía visitaron non só as infraestruturas propias do Canal, como pontes, acuedutos, dársenas (auténticos portos interiores) e esclusas, que facilitaban salvar os desniveis do terreo, senón tamén o Museo da Evolución Humana en Burgos, onde se expoñen os principais achados de restos de homínidos dos xacementos da Serra de Atapuerca, xunto con unha ruta polo contorno da catedral, a fábrica de Renault de Villamuriel del Cerrato (Palencia), onde se fabrica en exclusiva para todo o mundo o modelo Megane, a villa romana de La Olmeda, con un conxunto de mosaicos de máis de 1.000 metros cadrados extraordinariamente ben conservados, e o Museo de la Ciencia de Valladolid.

RC12 Foto grupo Burgos

Esta viaxe realizouse dentro do  Programa de Colaboración Interterritorial de Rutas Científicas, organizado polo Ministerio de Educación e coa participación de varias comunidades autónomas, cada unha das cales deseña unha ruta polo seu territorio que será realizada por alumnos de diferentes procedencias.

No caso de Galicia, só tres centros tiveron a oportunidade de participar na edición deste ano das Rutas científicas, e no caso do Asorey foi a segunda ocasión na que participamos nos cinco anos de existencia deste programa, na vez anterior facendo a ruta da Comunidade de Madrid. Isto foi o froito dun proxecto elaborado polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e seleccionado entre varios participantes pola Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.

Mosaico oecus La Olmeda

Mosaico da Vila Romana de La Olmeda

En sucesivas edicións de A Buxaina os alumnos participantes irán relatando o contido desta actividade e describindo os lugares visitados, todos eles do máximo interese, tentando facer partícipes a toda a comunidade do Asorey desta experiencia, que esperamos non sexa irrepetible

.