Como se fai: unha campá

20 Maio 2013
campá

As campás foron empregadas, desde tempos moi antigos, para chamar á comunidade para eventos relixiosos ou doutro tipo. Non hai igrexa ou capela sen campanario e sen campá.

As campás son instrumentos musicais de percusión en forma de copa invertida que soan ao ser golpeados por un badal que colga no seu interior ou por martelos ou mazos desde o exterior.

Fabrícanse xeralmente de bronce e poden ter tamaños moi variados, desde as enormes campás dos templos e igexas, de ata 5 m de altura, ata as pequenas campaíñas de uso manual.

Arredor das campás hai moitas lendas e historias. Din que o seu toque espanta aos nubeiros e tronantes, seres míticos responsables das tormentas.

A campá máis grande de Galicia é a Berenguela e dín que algunhas noites toca 13 campanadas, para que o demo goce dunha hora máis para andar solto pola cidade.

En 997 Almanzor destruíu a cidade de Santiago de Compostela co seu exército e fixo que os prisioneiros levasen as campás da catedral ata Córdoba. Dous séculos e medio despois o rei Fernando III “O Santo” fixo que os prisioneiros musulmáns trouxeran as campás de volta.