Ruta polo río da Chanca

Xea
11 Marzo 2015
río da Chanca

Unha camiñada duns 16 km e 5 horas de duración, que se pode facer en dous tramos.

O río da Chanca é un curso de tan só 10 km que ten case todo o seu percorrido polo concello de Meaño agás os primeiros 800 metros que corre polo concello de Meis e outros trescentos  metros, do curso medio baixo, no concello de Sanxenxo. Desemboca, formando un pequeno esteiro, na enseada do Umia, dentro do espazo protexido LIC Ons O Grove. O percorrido do río conserva un bosque de ribeira cunha rica biodiversidade. Ao longo da ruta atoparemos vintetrés muíños, varios lavadeiros e árbores de bo tamaño, especialmente salgueiros e abeleiras.

COMO CHEGAR

Para achegarnos ao comezo da ruta desde o centro de Meaño cóllese en dirección a Samieira e a pouco máis de medio quilómetro o desvío á dereita que leva á igrexa de Lores. Ao cruzar o río atópase á esquerda o aparcamento e os indicadores da ruta.

A ruta comeza no curso medio, en Lores e faise todo pola beira do río, por un camiño-carreiro acondicionado de bo levar pero que vai gañando pendente cara ao final para completar, no manancial no que arranca o río, un desnivel de 300 m; e rematar un cento de metros máis adiante na estrada, un pouco por enriba da localidade de Valboa e a uns dous quilómetros do mosteiro da Armenteira, ao que podemos achegarnos baixando pola estrada ou camiñando pola pista que atopamos de fronte. A volta faise polo mesmo camiño.

Podemos completar a ruta cunha visita ás igrexas de Simes ou á capela de San Bieito, que goza dunha situación privilexiada, na croa dun outeiro (que con toda probabilidade foi un castro) desde o que hai unhas fermosas vistas. 

río da Chanca-1