Ruta pola Costa da Vela

28 Xuño 2013
Costa Vela-6-13-2

A Costa da Vela é un espazo natural (LIC) de1.400 hectáreas situado na península do Morrazo, que foi declarado Lugar de Interese Comunitario. A súa paisaxe está incluída dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Comezamos a nosa ruta subindo ao Monte do Facho, que está situado en Donón, a unha altitude de184 metrossobre o nivel do mar, dominando toda a Costa da Vela. No seu cume hai unha garita de pedra do século XVIII que se utilizaba como posto de vixiancia sobre o mar. Dende este alto podemos ver as Rías de Vigo, Aldán e Pontevedra as Illas Cíes e de Ons e ao pé do monte a praia de Barra. Neste mesmo lugar hai restos dun castro galaico, un conxunto de altares romanos e ruínas dun santuario.

Baixamos de novo e facemos unha parada no miradoiro desde onde vemos os cantís de Donón, de máis de 150 metros de altura, dominados polo monte Facho. Aí hai unha xigantesca escultura en forma de caracola feita de aceiro inoxidable.

Dende aquí baixamos por unha pista de terra ata o Cabo Home e a Praia de Melide, abeirando a Costa da Vela.

En Cabo Home, no punto terrestre máis achegado ás Illas Cíes, atopamos un faro cilíndrico de cor branca. Esta zona ten un gran valor natural e paisaxístico debido aos seus cabos e cantís e a súa diversidade de flora e fauna. Aquí podemos ver (mellor coa marea baixa) unhas formacións moi interesantes nas rochas: “as furnas”, que son covas feitas pola erosión do mar nos cantís.

En Punta Robaleira destaca unha farola de cor vermella que domina sobra a Ría de Vigo.

Seguimos camiño ata a Praia de Melide, de 250 metros de longo e uns40 metrosde ancho, rodeada por un gran piñeiral. As súas augas son azuis e ten unha area branca e fina.

A Praia de Melide xunto coas de Barra e Nerga forman un sistema dunar de gran importancia por ter macroformas dunares pouco comúns e unha extensa área de dunas remontantes.

Desde aquí volvemos pola pista ao punto de partida.

En toda a zona podemos atopar unha gran variedade de flora e fauna con especies de gran interese.

Costa Vela-6-13-2