Rozando o límite
O cero absoluto é a temperatura teórica máis baixa posible, que se corresponde con 0K, -273,5ºC e -459,7ºF.
A esta temperatura, o nivel de enerxía do sistema é o máis baixo posible e as partículas carecen de movemento, polo que, segundo a terceira lei da termodinámica, este é un límite inalcanzable.
Recentemente, foron publicados resultados de esixentes experimentos realizados por científicos que están a traballar no desafío do límite do cero absoluto.
En primeiro lugar, grazas a unha proba realizada dentro do proxecto Cuore (Observatorio Crioxénico Subterráneo para Fenómenos Raros) e que precede a un experimento para estudar a natureza dos neutrinos, os científicos do laboratorio Gran Sasso do Instituto Italiano de Física Nuclear, lograron un fito histórico ao conseguir arrefriar, durante máis de 15 días, un metro cúbico de cobre (que conta cunha masa de 400 quilogramos) a unha temperatura de 6 milikelvins (-273,144 ºC), rozando o cero absoluto.
O instituto afirma que se trata dun rexistro histórico e nunca antes alcanzado para un corpo dese volume e masa. Ademais, o metro cúbico de cobre foi encerrado nun criostato único no mundo polas súas dimensións, temperaturas extremas e poder de refrixeración, así como polos seus materiais seleccionados e técnicas de construción que garanten niveis moi baixos de radioactividade.
Por outra banda, un equipo internacional de investigadores conseguiu alcanzar unha temperatura por debaixo de -272,15 grados Celsius (rozando tamén o cero absoluto) utilizando por primeira vez moléculas magnéticas.
A molécula-imán utilizada no arrefriamento foi o Gd7, composta por gadolinio (Gd) e outros elementos. Esta molécula conta cun alto grao de magnetismo, unha estrutura parecida á dun copo de neve e unhas peculiaridades no seu comportamento que fan que sexa o dobre de eficiente que o isótopo helio-3 (ata agora o elemento máis utilizado neste tipo de refrixeracións), pois para conseguir a mesma refrixeración gástase a metade de enerxía.