As Rías Baixas, unha fábrica de vida (III)

Produtividade e cambio climático
5 Xuño 2012
marea vermella1

marea vermella

O fitoplancto das Rías está formado por diatomeas e por dinoflaxelados. As diatomeas son algas unicelulares e non teñen sistema locomotor, polo que atopan o seu medio favorable nas condicións turbulentas (cando o mar está moi revolto) do mar que as mantén preto da superficie.

En cambio, a estratificación das augas que se dá cando o mar está tranquilo,  produce unha maior cantidade de dinoflaxelados debido a que estes teñen a capacidade de moverse na vertical (flaxelos), entre a zona profunda, onde están os nutrientes, e a superficie, onde hai máis luz.

Nun ciclo estacional normal, as diatomeas predominan na primavera e os dinoflaxelados no verán. Non obstante, episodios de afloramento poden levar mar adentro á poboación de dinoflaxelados, provocando que as diatomeas sexan o grupo máis abundante. Pola contra, eventos de afundimento arrastran os dinoflaxelados ao interior das Rías. Esta alternancia estacional débese fundamentalmente á transición entre a turbulencia, predominante na primavera, e a estratificación da columna de auga, no verán.

O cambio climático está producindo unha redución do anticiclón galego que trae bo tempo no verán. Como consecuencia, diminúe a presenza do vento do norte, algo que ten resultados moi importantes: canto menos vento norte haxa, as augas estarán máis tranquilas e polo tanto laminadas en función da temperatura, o que favorecerá a presenza de dinoflaxelados e, polo tanto, das mareas vermellas. Ademais, con menos vento norte producirase unha menor renovación da auga das rías, o que dará lugar a que a marea vermella dure máis tempo.