As Rías Baixas, unha fábrica de vida (II)

O planto mariño
2 Maio 2012
planto

As novas condicións ambientais das Rías, como xa comentamos no anterior artigo (As Rías Baixas: unha fábrica de vida I), están a producir unha alteración da normal sucesión do fitoplancto mariño (formado por diatomeas e dinoflaxelados), que é o principal alimento dos moluscos filtradores; entre eles as especies comerciais como o mexillón ou a ameixa.

As diatomeas son unha clase de algas unicelulares que posúen cuncha silícea formada por dúas valvas de distinto tamaño, polo que a valva máis pequena encaixa na maior.

Os dinoflaxelados tamén son algas, na súa maioría unicelulares que se distribúen segundo a temperatura, a salinidade e a profundidade das augas nas que habitan. A súa característica máis importante é que presentan dous flaxelos (de aí o seu nome) que lle permiten realizar os seus movementos característicos. Algúns dinoflaxelados son os responsables das mareas vermellas ou “purgas do mar” xa que sintetizan fortes toxinas.

Coñécese co nome de marea vermella á proliferación dos dinoflaxelados, que medran exponencialmente cando as condicións do medio son favorables para o seu desenvolvemento; este é un proceso moi habitual nas rías galegas. A súa reprodución non para ata que as condicións cambien (sobre todo dependen da actuación dos ventos do norte que baleiran as rías). Determinadas especies producen neurotoxinas en tales cantidades que se acumulan nos animais filtradores, e desta forma poden afectar á saúde de quen os come. As toxinas máis importantes que poden conter as mareas vermellas son as toxinas amnésicas, as toxinas paralizantes e as toxinas gástricas.