Redución do 27% de mortalidade por febre amarela
Un estudo levado a cabo polo Imperial College de Londres en colaboración coa OMS, estimou que a febre amarela, unha enfermidade viral que afecta ás rexións tropicais de África e América Central do Sur, acabou coa vida de 78.000 persoas en África no 2013.
Non obstante, dende o 2006 puxéronse en marcha grandes campañas de prevención en África para frear a febre amarela, coas que se evitaron novos brotes e se fixo diminuír a carga desta patoloxía nun 27%.
Os expertos recoñecen que non hai tratamento específico para os pacentes que desenvolven os síntomas máis graves desta enfermidade. Esa é a razón pola que a prevención é a mellor das estratexias contra as mortes que causa a febre amarela.
No estudo estimouse o impacto da campaña de vacinación, polo que se recompilou un conxunto de datos sobre a súa cobertura que representaba a situación da rexión africana e ademais reconstruíuse un hipotético escenario no que estas campañas non se implantaran. Obtivéronse dous datos: os casos severos da enfermidade variaban de entre 51.000 con campaña e 380.000 sen ela, e no caso das mortes, entre 19.000 e 180.000.
Os investigadores atoparon problemas á hora de identificar os casos de febre amarela, xa que cando a enfermidade está en estado leve desenvólvense uns síntomas moi pouco específicos. Incluso cando empeora, pode confundirse coa malaria ou a hepatite. Para facer un diagnóstico máis preciso é imprescindible analizar as mostras de sangue no laboratorio, algo difícil de atopar nas rexións onde afecta máis a enfermidade.
Esta campaña foi impulsada pola OMS e Unicef no 2005, que foi a base na implementación das recentes campañas de vacinación. A finais do 2013, a xunta da Alianza Global para a Vacinación e a Inmunización (GAVI), decidiu axudar ás campañas, dirixida a 144 millóns de persoas en toda a rexión de África. Ademais, a OMS e a GAVI tiveron un papel importante no apoio aos ministerios de saúde para deseñar estas estratexias.
Para os expertos, o impacto das pasadas e futuras campañas de vacinación evitará gran parte dos casos de febre amarela nos próximos anos.