Un recreo de susto

Vivencia dunha alarma de incendio no Asorey
5 Xuño 2012
alarma as

Eran as 12:25 do xoves 31 de maio e comezaba o recreo. Case toda a miña clase saiu correndo, coma sempre, e un pequeno grupo quedamos na clase falando cunha profesora. Apagouse a luz e outra profesora avisounos que había ameaza de incendio. Pola nosa mente pasou a explicación do que había que facer, pois xa tiveramos dous ensaios anteriormente neste curso.

Saímos rapidamente pola saída máis achegada á nosa aula, pasamos por xunta ao ximnasio e chegamos ás pistas. Todos os compañeiros e compañeiras do instituto estaban xa alí. Ás 12:35 todos estabamos no noso sitio. Facía un bochorno espantoso e pouco a pouco fúmonos calmando e tentando buscar un sitio máis fresco.

12:45. Ao rematar o recreo restableceuse a corrente eléctrica e sonou o timbre para entrar nas aulas onde nos informaron do que pasara. O incendio fora provocado por unha caixa de fusibles situada nun poste da entrada co centro. Diante da alarma o protocolo esixía cortar a corrente, desaloxar o centro e chamar a Protección Civil e aos bombeiros. Despois comprobouse que non había perigo e restableceuse a normalidade.

A caixa eléctrica, situada nun poste sobre a do noso centro, pertence á unha nave industrial. Coa sobrecarga (por estar absorbendo demasiada enerxía) quentáronse excesivamente os condutores e prendeu lume nos materiais illantes deixando os cables ao aire e producindo chispazos e estoupidos. No caso de que afectase ás nosas instalacións (ao saltar o neutro prodúcese un gran aumento de tensión) poderíanse producir sobrecargas e chispazos nos nosos aparellos e lámpadas, de ahí a situación de alarma. Por sorte non foi máis que un pequeno susto e perdémonos un recreo. Nin siquera puidemos ir á cafetería a buscar auga ou bocadillos.