Recordando a traxedia do Prestige

9 Decembro 2012
Prestige

O luns 19 de novembro, coíncidindo co décimo aniversario do afundimento do Prestige, fixemos um acto público no que contamos coa colaboración da Asociación de Ensinantes do Salnés (CANDEA), do Colectivo Ecoloxista do Salnés, e dos fotógrafos da prensa da comarca: Martina Miser, Víctor Mejuto, José Luiz Oubiña, Iñaki abella, Mónica Vila e Carlos Puga.

O acto foi presentado, en nome do centro, por Víctor Caamaño Rivas quen explicou as razóns da celebración do acto, encadrado dentro da Semana da Ciencia, adicada este ano ás Enerxías Renovables. O accidente do Prestige proporciónanos un bo exemplo dos efectos negativos do emprego de combustibles fósiles e as consecuencias graves (ambientais, sociais, económicas...) do seu vertido, nesta caso nas costas galegas.

Logo, dúas alumnas de 1º de ESO leron un poema de Domingo Tabuyo, tamén profesor do noso centro.

Marta Lois Silva, presidenta do Colectivo Ecoloxista do Salnés falou da experiencia das persoas do CES que participaron de xeito moi activo, na limpeza das costas primeiro, e na recollida de aves despois.

Nito Dios, bateeiro de Illa de Arousa, membro da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa, contounos as experiencias vividas en directo polas xentes do mar que saíron a polo chapapote.

Proxectáronse dúas presentacións: O Prestige “Unha Historia Negra”, realizado no centro hai dez anos e “O Prestige na Memoria”, selección de imaxes realizadas polos fotógrafos da prensa comarcal e outros colaboradores.

O acto foi moi emotivo e as imaxes e testemuñas fixeron saltar as bágoas dos ollos a máis de un.

 

See video