A rasa da Lanzada
O cambio climático que está a experimentar a Terra non é o primeiro nin será o último; a gran diferenza e que o actual está producido pola actividade humana. Ao longo da historia xeolóxica houbo momentos nos que a situación climática foi extrema e deixou unha pegada no relevo terrestre. A carón de Cambados temos un bo exemplo da pegada na paisaxe producida por un antigo cambio climático.
A zona habitada da costa entre a Lanzada e Portonovo atópase sobre una rasa costeira que antes estaba debaixo do mar formando parte da plataforma litoral. A actual plataforma litoral desa zona correspóndese coas grandes acumulacións rochosas ao pé dos acantilados.
Isto demostra que o nivel do mar, hai miles de anos cubría toda esa zona da estrada costeira. As variacións do nivel do mar débese á alternancia de períodos glaciares (fríos) e interglaciares (cálidos). Nos períodos glaciares descende a temperatura global da Terra dando lugar a una expansión dos casquetes polares; a última sucedida no cuaternario e que rematou hai 10.000 anos. A rasa da Lanzada correspóndese cun momento en que o nivel do mar estaba moito máis alto ca na actualidade.