Rabirrubio tizón

30 Maio 2013
rabirrubio

O “rabirrubio tizón”, é un paxaro que se coñece en Cambados tamén co nome de curroxo ou borrallenta das casas.

O seu nome científico é Phoenicurus ochruros, é  unha ave que mide entre  13-14,5 cm de lonxitude e pesa entre 14 e 20 g.

O seu corpo experimenta cambios ao longo do ano. Na  primavera, o macho ten a plumaxe gris-negra na cabeza o lombo e a barriga, cunha mancha branca nas ás, e unha cola rechamante de cor vermella alaranxada.

Pola contra as femias e os exemplares inmaturos son de cor castaña agrisada coa cola castaña mate. Teñen o peteiro apuntado e negro e as patas son tamén negras.

É un paxaro moi común no Salnés e, de feito, o vídeo que acompaña a este artigo está gravado en Cambados o pasado mes de maio. En xeral aparece en toda Europa por debaixo do círculo polar ártico e en toda Asia salvo Xapón e o sudoeste do continente. En outono os exemplares do norte de Europa emigran cara a conca mediterránea.

Adoitan ser as primeiras aves en regresar da emigración invernal e xa a finais de febreiro ou primeiros de marzo aparecen na súa área de cría. As femias fan os niños en fendas nas pedras ou lugares semellantes das casas. Son construcións relativamente desordeadas nas que poñen entre catro e seis ovos con coloracións que varían entre o branco e o azul claro.

O período de incubación e de entre 12 a 16 días e os polos son alimentados polos pais entre 12 e 19 días máis despois de romperen a casca.

Adoitan facer dúas postas ao ano aínda que algúns destes exemplares fan ata tres.