As Rías Baixas, unha fábrica de vida
Seguramente todos nós escoitamos algunha vez comentarios sobre a molestia do vento, ou o fría que está a auga nas nosas praias. E por suposto que todos coñecemos a riqueza do marisco galego. Pois ben, todo isto está relacionado, e débese a un fenómeno denominado afloramento costeiro.
Chamamos afloramento costeiro aos movementos de masas de augas frías e ricas en nutrientes dende o fondo mariño ata a superficie, producidos polos ventos que sopran sobre a superficie.
Este é un proceso que caracteriza as marxes occidentais dos continentes, converténdoas nunha das zonas máis produtivas do planeta. Estas rexións forman o 50% das pescarías mundiais. Isto explica que as rías galegas sexan tan produtivas.
Nas nosas latitudes, o afloramento ten un patrón estacional no que inflúe o Anticiclón das Azores. O vento norte entre Abril e Outubro favorece o afloramento, mentres que durante o resto do ano, os ventos do sur dan lugar ao afundimento. É ese vento norte o que empuxa a auga superficial das rías cara ao océano e, como consecuencia disto, prodúcese o ascenso de augas frías do fondo. As augas frías son máis fértiles porque teñen unha maior riqueza en osíxeno, e os gases difunden mellor nos medios acuáticos canto menor sexa a súa temperatura.
Os ventos do norte son, polo tanto, os responsables da renovación da auga das rías, xa que canto máis vento norte, as augas renóvanse a máis velocidade.
A pesar disto, estanse a observar, nas últimas décadas, diversos cambios neste patrón estacional. Nos últimos anos houbo unha inversión no patrón dos ventos dominantes no litoral galego, predominando actualmente nas costas galegas o afundimento.