Proxecto Magallanes
O proxecto Magallanes naceu en 2007 en Redondela (Galicia, España) co reto de desenvolver unha tecnoloxía capaz de extraer enerxía a partir das correntes das mareas.
Sete anos despois de iniciarse a súa concepción, o proxecto Magallanes botará na ría na primeira plataforma flotante co fin de obter electricidade das mareas, cuxa construción se ultima no estaleiro Cardama.
Segundo as previsións, a plataforma-trimarán, de 40 metros de eslora e 25 de manga, podería empezar a comercializarse dentro de dous anos, aínda que os seus creadores prefiren non fixar prazos concretos, dado que o prototipo aínda ten que superar unha serie de probas, entre elas as obrigadas no Centro Europeo de Enerxías Mariñas (EMEC) das Orcadas (Escocia). O que si confirman dende Magallanes Renovables, é que o prototipo se botará en primavera e que as primeiras probas de mar se realizarán na ría. «É unha tarefa complexa que leva o seu tempo, xa que hai que axustar cada un dos compoñentes», aseguran.
Neste caso, o xerador de enerxía é flotante, o que permite unha instalación moi sinxela e, sobre todo, un baixo custo tanto de produción coma de mantemento. Malia a fase inicial na que aínda se encontra, xa foron varias as compañías eléctricas que se interesaron polo sistema que tería un importante retorno económico para o sector naval vigués, dende asteleiros a industrias auxiliares de compoñentes pasando por empresas de enxeñería e ciencias mariñas.
Cada plataforma maremotriz de 2 MW de potencia produce electricidade para abastecer 2.000 fogares. Así, para cubrir as necesidades dunha cidade como Vigo necesitaríanse 60. Segundo explica un voceiro de Magallanes Renovables «a electricidade das correntes é unha mina. É verde, inesgotable, constante e está sen explotar».
Enlace ao vídeo da propia empresa explicando en que consiste todo o proxecto: